#8#

Todo comezou antes das formigas,
das columnatas poerentas de papel,
dos andeis cheos de libros sen ler,
dos aparellos avariados nas esquinas,
antes de que a levase á cama nos brazos,
e sen bágoas nos ollos me dixese que ía morrer,
antes das noites veladas, dos días perdidos,
das tardes de luz negra sentado no chan,
antes de que se fixesen tan vellos,
antes do blues e o jazz e a poesía,
dos whiskies sen xeo e as medias pintas,
antes da casa baleira, das camas ben feitas
e das habitacións de arzaia e naftalina,
antes dos tubos e os cables e as caixas,
das sogas e as pastillas e as veas cortadas,
antes das quimioterapias, as cadeiras de rodas
e as tardes de tertulia nos tanatorios,
antes de que os nenos se fixesen rapaces
e antes de que nacesen os nenos,
antes de que morresen os vellos,
antes de cortar o salgueiro
e antes do terrazo no xardín.

Todo comezou antes das formigas,
antes de ti,
antes de todo.

#7#

De tempo en tempo murcho,
como murchan as leitugas
no caixón grande da neveira,
e a miña vida vólvese fría
e húmida e cheira mal,
como a cociña de madrugada.

"Mis besos saben mal, saben a delantal
y a cumpleaños en la cocina
"
El Niño Gusano, Papel de regalo

#6#

...e mollar o ceo cítrico do amencer
nos teus ollos de fondue de chocolate...

#5#

Sementei purpurina
de nena netorreira
con vestido rosa
de misa dominical.

Sementei purpurina
de pura e cristalina
metálica brillantez
fluviograciaria.

Sementei purpurina,
buscando estrelas,
e agromaron tubos
de neon azul.

Luz azul
palindrómica e flutuante,
hipnótica insectívora
de estética prostibular.

Luz azul
de fábrica uralítica
de aceiro pretensado
en polígono industrial.

Luz azul
falsa, furcia,
fenosa e fea
luz azul.

#4#

Catedrais de formigón e ferro
e cristais e homes coma formigas
e formigas coma homes e vigas
de amianto e pranto e canto e berro.

Traballo e ocio e visa e enterro
e coches, coches, coches, bucinas,
sirenas e luces, formigas, formigas
e vermes e lesmas e merda e... berro!

E berro e chamo e clamo axeonllado
contra un deus maldito en quen non creo
e nunca crin. De xeonllos e anoxado

maldígote tamén, pobo filisteo,
hipócrita, corrupto, entregado,
e rezo, por ti, un nosopai ateo.

#3#

O ser humano é un verme cuberto de mentiras.

#2#

palpita sendeiros
suspira carreiros
e non agardes por min

(en re menor)