#8#

Todo comezou antes das formigas,
das columnatas poerentas de papel,
dos andeis cheos de libros sen ler,
dos aparellos avariados nas esquinas,
antes de que a levase á cama nos brazos,
e sen bágoas nos ollos me dixese que ía morrer,
antes das noites veladas, dos días perdidos,
das tardes de luz negra sentado no chan,
antes de que se fixesen tan vellos,
antes do blues e o jazz e a poesía,
dos whiskies sen xeo e as medias pintas,
antes da casa baleira, das camas ben feitas
e das habitacións de arzaia e naftalina,
antes dos tubos e os cables e as caixas,
das sogas e as pastillas e as veas cortadas,
antes das quimioterapias, as cadeiras de rodas
e as tardes de tertulia nos tanatorios,
antes de que os nenos se fixesen rapaces
e antes de que nacesen os nenos,
antes de que morresen os vellos,
antes de cortar o salgueiro
e antes do terrazo no xardín.

Todo comezou antes das formigas,
antes de ti,
antes de todo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

:)
non é unha cara de alegría, tranquilo, a penas un sorriso.

si que me gusta. ser bo? servo. hai que tirar pra diante sen pexas dese tipo. eu estou aprendendo, tamén.

Ra